Friday 03 de May de 2024

O Concello culmina a mellora da eficiencia enerxética no tramo de paseo marítimo entre San Roque e O Portiño


Os traballos, cun investimento de 33.563,40 euros, incluíron o acondicionamento de 105 puntos de luz

O Concello da Coruña, a través da área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa da finalización dos traballos de mellora de eficiencia enerxética na zona de tránsito rodado do paseo marítimo entre San Roque e O Portiño.
Os traballos, nos que o Goberno local investiu 33.563,40 euros, consistiron no acondicionamento completo de 105 puntos de luz moi castigados polo efecto da salinidade nesta zona da cidade; así como na implantación de lámpadas de última xeración de menor potencia e con posibilidade de regulación en horario de pouca afluencia de tránsito peonil e rodado.
A mellora enerxética tradúcese desta forma, nun menor consumo, ao redor dun 40%, o que orixina que se produza un aforro de case 6.000 euros ao ano no recibo da luz, ademais de redundar nun maior respecto polo medio. A actuación forma parte da aposta municipal por mellorar e modernizar a rede de iluminación pública, cuxa conservación e mantemento, así como a aposta pola eficiencia enerxética, foi deficiente durante anteriores gobernos. Para 2015 resérvanse 6,7 millóns de euros para o Plan de Mellora da Iluminación Pública en rúas, prazas e zonas verdes.